miércoles, 13 de enero de 2010

¿Gastos sociais ou socialistas?

Que o alcalde de Lugo pida aos Magos de Oriente investimentos para o Concello non deixa de ser unha ironía cando acaba de aprobar, co beneplácito do BNG, uns orzamentos que destinan o 80% dos ingresos a gastos fixos, reservando 3.200.000 euros para gastos diversos e propaganda,e destinando tan só 2.200.000 euros, de fondos propios, para investimentos.

Tanto socialistas como nacionalistas din estar “ilusionados” coa idea de aumentar o gasto social. Uns e outros buscan confundir á cidadanía cun espexismo. Por desgraza, nos cinco pilares fundamendais do gasto en persoas, os orzamentos de 2010 prevén un recurte moi significativo: fomento de emprego, 66,71% menos; asistencia social, 20% menos; educación, 8,7% menos; cultura, 11% menos; e deportes, 30% menos. ¿onde está o aumento do que falan?

Ademais de pouco inversores, os orzamentos de Orozco son ficticios. ¿Quen se pode crer, por poñer un exemplo, que en 2010 se incrementará a recadación do IBI nun 6,6%, o que se traducirá nun aumento do número de vivendas en 5.250? ou ¿quen pode crer que o Imposto de actividades económicas sufrirá un aumento do 30% coa actual crise económica?.

O cálculo pouco realista de ingresos nos preocupa xa que si se produce unha desviación de máis do 2% non haberá fondos suficientes para pagar os gastos fixos.

En definitiva, o Partido Popular non pode apoiar unhas contas feitas á medida do señor Alcalde e dun goberno sen ideas, un goberno esgotado que vai deixar hipotecado o futuro dos lucenses pola súa falta de planificación e pola súa mala xestión.

A ilusión vale cando a realidade a toma da man, mentres tanto aquel que se dedica a alimentala non é máis que un irresponsable que xoga e pon en perigo aos que o rodean por cumprir o seu capricho de vivir nun espexismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario