· Enrique Rozas advirte que nos podemos atopar ante un delito de falsidade de documento público e de usurpación de funcións e pide responsabilidades ao goberno local por esta “nova chapuza”
· O concelleiro popular sinalou que “inda é máis grave” que nunha das sancións o denunciante foi un vixiante do sistema ORA, cando a competencia é dun Axente de Mobilidade ou dun Policía Local
Lugo, 19 de xaneiro de 2010.- O Grupo Municipal do Partido Popular denunciou hoxe o envío de boletíns de notificacións da Unidade de Sancións da Policía Local con data posterior á xubilación do axente responsable.
Estas denuncias están asinadas o 2 de decembro polo inspector principal, o que chama a atención cando dito responsable se xubilou o 28 de novembro de 2009.
Rozas afirma que “se isto é grave”, inda o é máis que nunha notificación figura como denunciante un controlador do Sistema ORA nunha infracción por un estacionamento con lugar sinalizado de parada para o autobús urbano. O concelleiro popular lembrou que este tipo de denuncias só poden ser efectuadas por axentes de Mobilidade ou por axentes da Policía Local. Resulta “incomprensible” que o Concello dea validez ás denuncias efectuadas por quen non deixa de ser un particular, e que determinan a incoación, nada menos, que dun procedemento sancionador.
A xuízo de Rozas, “este é un exemplo máis de que a reestruturación da Policía Local realizada polo señor Rábade é un auténtico fracaso e pon unha vez máis en evidencia a falta de control e xestión que existe neste corpo”.
“A anarquía e o despropósito da Policía Local, e en concreto neste negociado, é tal que desde a jubilación deste axente, a día de hoxe non se nomeou ningún responsable para unha unidade tan importante coma esta”. Rozas solicitou unha maior implicación por parte dos responsables municipais á hora de mellorar o servizo. “Deberían adicarse máis a organizar e dirixir en vez de perseguir aos propios axentes”. Os 96.000 habitantes de Lugo non teñen por que pagar a “incompetencia dos seus responsables, encabezados polo señor alcalde”.
Rozas explicou que “a realidade é que a apatía e a desidia por parte de Rábade é tan grande que , se se ve incapaz de dirixir e organizar o corpo, o mellor servizo que podía facerlle a esta cidade é marcharse”.
O concelleiro popular lembrou tamén que entre as funcións do Director Xeral da Policía están as relacionadas con unidades e postos de traballo que forman parte da Policía Local de Lugo, incluída o negociado de sancións. Rozas preguntouse se “esta é a idea que o señor Diéguez ten de funcionamento dun servizo tan importante”. “É a enésima proba do seu descoñecemento total e absoluto da organización e dirección dun corpo tan importante coma este”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario