· Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia
· A concelleira popular Sofía López Linares demandou ademais a creación dun plano-rueiro específico e a posta en marcha dunha guía especializada de recursos accesibles
· López Linares entende que “non é unha cuestión de diñeiro, senón de vontade e xestión”
Lugo, 20 de xaneiro de 2010.- O GMPP propón un impulso do turismo accesible para a cidade de Lugo. Para elo, os populares presentarán unha iniciativa que irá ao próximo pleno do 1 de febreiro.
Sofía López Linares solicitou que o Gabinete de Accesibilidade, dependente do concello, realice un diagnóstico da situación do turismo accesible. A partir deses datos, un Consello de Accesibilidade debería elaborar propostas de mellora dos establecementos que así o soliciten “de xeito voluntario” e, finalmente, a elaboración dun informe. O proceso culminaría coa entrega de logos de accesibilidade, o SIA (Símbolo Internacional de Accesibilidade) ás empresas que acrediten as condicións requeridas.
A concelleira popular asegurou que se trata dunha cuestión “de vontade e de xestión”, non de diñeiro, polo que emprazou á corporación a contemplar “con bos ollos” esta proposta popular.
Iniciativa pioneira en Galicia.-
López Linares apuntou tamén que “con esta iniciativa, Lugo situaríase á cabeza do turismo accesible en toda Galicia”, xa que ningunha das urbes da comunidade conta con este plan que hoxe propuxo a concelleira popular. Esta proposta “colocaría a Lugo no mapa do turismo accesible” a nivel estatal.
Plano-rueiro e guías específicas.-
Por outra banda, o GMPP tamén insta ao goberno local para que cree un plano-rueiro accesible con indicacións das prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, itinerarios accesibles, zonas de fácil acceso aos lugares de interese turístico, así como as ubicacións de aseos públicos adaptados, entre outras medidas.
A concelleira solicitou ademais a creación dunha guía de recursos accesibles da cidade de Lugo que inclúa todos os establecementos previamente distinguidos co logo por parte do gabinete.
Medida social, non socialista.-
A concelleira popular lamentou que “ningún dos responsables das cidades gobernadas por xentes que presumen de seren progresistas” fagan nada para a mellora do turismo accesible. “É paradóxico que sexan eles os que se aproveitan de etiquetas como progresismo ou medidas sociais cando o PP presenta continuamente propostas para melloras no eido social”.
López Linares matizou que se trata dunha “proposición aberta” ás propostas dos outros grupos. A concelleira popular asegurou que Orozco ten diante un bo exemplo para comezar a facer “gasto social e non socialista”, contra a tendencia que caracterizou as tres lexislaturas do PSOE.

No hay comentarios:
Publicar un comentario