jueves, 14 de enero de 2010

O GMPP solicita o arranxo urxente da pista de Coeses a través de fondos FEIL

· Esta pista, que leva á factoría de Novafrigsa, requeriría dunha pequena inversión
· Manuel López quere que o novo FEIL non volva ser “un derroche sen criterio técnico ningún para obras improvisadas”

Lugo, 12 de xaneiro de 2010.- O Grupo Municipal do Partido Popular solicitou hoxe o arranxo urxente da pista que enlaza Terlama e a factoría de Novafrigsa. Esta vía soporta moito tráfico pesado e leva neste “estado precario” dende fai “moitos meses”, tal como denunciou o concelleiro popular Manuel López.

O edil popular fíxose eco das reclamacións veciñais e criticou que esta obra non estivese contemplada no FEIL de 2009. López lamentou que os fondos do plan E, “tan loubados polo alcalde”, se destinasen a “obras improvisadas, sen ningún criterio técnico e seguindo só os desexos dos pedáneos”. O concelleiro pensa que “agora temos unha boa oportunidade para deixar de derrochar” e marcar unha nova ruta no plan E.

Manuel López solicitou, ademais desta mellora, a ampliación ao ancho dun tramo de 500 metros ata enlazar a vía coa estrada que une Piúgos a Cuíña. O reasfalto e a ampliación afectarían a pouco máis de 2 kilométros, co cal a inversión que requeriría “non é moi substancial”.

Escola rural e lavadoiro de Coeo.- Os populares pediron, a maiores, melloras na parroquia de Coeo, tamén no termo municipal de Lugo.

Por unha banda, Manuel López denunciou que a escola rural desta parroquia ten numerosas goteiras como consecuencia dun teito en mal estado. O concelleiro apuntou que “agora custaría pouco arranxala”, pero “o alcalde é experto en deixar para máis tarde obras que resulten máis caras co paso do tempo”. Neste senso, lembrou as escolas rurais de Santa Comba e a de San Pedro de Mera, cuxos arranxos supuxeron máis de 800.000 euros. “Con actos coma este, cada día máis xente se dá conta da nula capacidade de xestión de Orozco”, lamentou Manuel López. O concelleiro tamén advertiu de que “é mellor arranxala agora que ter unha morea de pedras despois”, ao tempo que criticou que non exista ningún protocolo de mantemento destas propiedades municipais.

O edil popular tamén recolleu as demandas dos veciños a respecto do lavadoiro, que está nun estado “lamentable”. López subliñou que “é unha obra que con pouco diñeiro se solucionaría” e sinalou tamén as dificultades de acceso ao lavadoiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario