Domingo, 21 de febreiro de 2010.- Das reclamacións presentadas ao longo do último mes, na comisión de suxestións, destacan dúas sobre a problemática da auga da traída en Lugo. Asemesmo seguen rexistrándose queixas polos importes excesivos na tarificación da auga.
A presidenta da comisión, a popular Cristina Ares referiuse a unha reclamación que ten que ver coa actuación, a xuízo dun lucense, “desconsiderada e perigosa dun camión de servizo de limpeza municipal na Avenida da Coruña”. O veciño en cuestión denuncia que invadiu a beirarrúa mentres que o conductor do camión declara, nun informe do servizo, “que subiu á beirarrúa para realizar a carga do baldeador, e que en ningún caso molestou aos viandantes”. Neste informe se apunta que se advertirá aos traballadores da conveniencia de estacionar os vehículos nos lugares autorizados para elo.
Tamén hai unha queixa remitida á enxeñería por desperfectos nunha propiedade particular ocasionados por unha obras en Monte Adairo, outra por deficiencias no alumeado público da zona de Poeta Lorenzo Varela. O veciño afirma que dende hai máis dun ano a metade das farolas desta vía non aluman e dende o servizo se informa que “están pendentes de recibir o material necesario para resolver o problema”.
Un veciño de Lugo chama á atención ao goberno municipal sobre o gasto que se fai en accesibilidade cando o servizo de autobuses é moi deficiente. (falla de puntualidade, de información e trato desconsiderado dos conductores).
Hai unha suxestión para a área de persoal para que se dé prioridade ás persoas con discapacidade para contratación de persoal para o concello.
Informes pendentes.-
A presidenta da comisión de suxestións, Cristina Ares indicou que se resolveron varios expedientes pendientes. Chama a atención a resposta de Servicios Sociais ante a queixa pola desconexión dos ordenadores do Uxio Novoneyra. O goberno local di que se trata “dunha medida temporal por mor dos reiterados episodios de vandalismo ata que sexa posible dispoñer de persoal suficiente para o debido control do uso dos aparellos”.
Sobre o estado salubre dunha finca Ramón y Cajal “o concello obrigará a súa limpeza nun prazo máximo de tres meses”. Canto a falla de impresos en castelán nas dependencias municipais o concello resposta que “a actuación é conforme a dereito” e informa que pode solicitar a traducción ao castelán dos documentos que lle afecten persoalmente e que tamén pode solicitar impresos, en castelán, na oficina de atención ao cidadán.
Sobre a falla de pasos de peóns entre Rúa Rei Chiquito e Atalaya o servizo informa de que se incluirán no plan de sinalización deste ano.
Continúan sen informe varias reclamacións atrasadas das áreas de urbanismo, rexime interior e protección da comunidade. A comisión decidiu enviar requerimento para axilizar a súa tramitación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario