lunes, 8 de febrero de 2010

O GMPP presenta un escrito esixindo a Orozco a axilización do regulamento de participación cidadá, que acumula vinte meses de retraso


· Este escrito chega logo da falla de resposta no pasado pleno da concelleira Luísa Zarzuela a unha pregunta do GMPP sobre as razóns da parálise desta norma

· Orozco relega ao caixón do esquecemento un traballo practicamente consensuado fai máis de ano e medio

· Os populares propoñen ademais a elección dun representante por mesa electoral para o novo Consello de Distrito Rural

Luns, 8 de Febreiro de 2010.- O GMPP presentou un escrito no que insta ao goberno a convocar de inmediato unha nova reunión da Comisión encargada da elaboración do novo texto de Regulamento de Participación Cidadá.

Este órgano comezou os seus traballos en maio de 2008 coa idea orixinal de levar o novo regulamento ao pleno no mes de setembro dese mesmo ano. Porén, vinte meses despois, e logo dun duro traballo por parte de todos os representantes veciñais e políticos, o goberno de Orozco deixou no caixón do esquecemento o borrador case completamente consensuado.

Consello de Distrito Rural.-
Unha das cuestións pendentes neste documento é a participación na zona rural. O goberno socialista négase a incluír a elección democrática dos pedáneos a pesar de que así o contempla o regulamento de participación en vigor (do 2000) e malia que os pedáneos que existen na actualidade foron elixidos desa forma.

Con todo, non é menos importante a definición da composición do novo Consello de Distrito Rural. Inicialmente, o goberno propoñía que oito membros fosen designados directamente polo alcalde. Esta medida introducía unha discriminación entre os veciños do rural e os da cidade, posto que no caso dos dous consellos de Distrito Urbanos eses representantes eran elixidos cinco por sorteo e tres por consenso dos grupos políticos entre persoas de recoñecido prestixio.

De retomarse a elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá, o GMPP proporá que os oito representantes, ou incluso algún máis, sexan elixidos en furna nas mesas electorais do distrito rural o mesmo día dos comicios municipais.

Modelo de participación cidadá.-
Ter depositado no caixón do esquecemento o borrador do novo Regulamento de Participación Cidadá é unha proba máis da falla de vontade política do goberno de Orozco para mellorar a participación veciñal no concello de Lugo.

Esta falta de compromiso queda tamén patente ao elaborar os orzamentos municipais sen cumprir un acordo plenario de xuño de 2008 polo que os orzamentos do ano seguinte xa se deberían ter elaborado co instrumento de participación denominado Orzamentos Participativos. De feito, algún membro do goberno municipal emprega estes termos de "orzamentos participativos" coa intención de confundir á opinión pública, posto que o único que se fai é unha consulta epistolar ás asociacións veciñais, algo que en nada condiciona a proposta presupostaria do goberno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario